miércoles, 31 de marzo de 2010

Aprendemos a coidar da natureza

As nenas e os nenos do grupo de 5 anos traballamos sobre a contaminación e o lixo, o que podemos facer para coidar da natureza e como nos beneficia ese coidado.
Investigamos moitas cousas sobre os contedores e o que se bota neles, e tamén sobre as cousas que máis contaminan. Así aprendemos a importancia de coidar do noso contorno, queremos ter:
O AIRE MÁIS LIMPO, A TERRA MÁIS LIMPA, E A AUGA MÁIS LIMPA.
Estes son os libriños que elaboramos coas cousas que descubrimos.



sábado, 27 de marzo de 2010

APAGA A LUZ, ACENDE O PLANETA!

O 27 de Marzo, de 20:30 a 21:30 temos todos e todas un compromiso na loita contra o cambio climático. A chamada HORA DO PLANETA é unha iniciativa que se levou a cabo por primeira vez en Sidney (Australia) hai tres anos e que consiste en apagar as luces e os electrodomésticos durante unha hora.
A "Hora do Planeta" foi iniciada polo Foro Mundial para a Natureza (WWF) e o primeiro ano participou un país e unha cidade; uns 50.000 fogares e uns 2.000 edificios de empresas e negocios.

Este ano, un total de 121 países e 3.400 cidades rexistráronse para participar.

Unámonos todos e apaguemos as luces para demostrar que cada un de nós podemos contribuir na redución do consumo mundial de enerxía e na loita frente ao cambio climático!
APAGA A LUZ E ALUMEA O FUTURO!

Máis información:
HORA DO PLANETA

CANDEEIRO

Xa sabedes como aproveitar unha botella de plástico facendo unha campá, pois agora, ensinámosvos outra alternativa para que as botellas non acaben no caldeiro do lixo. Imos facer un candeeiro.

Desta volta, empregaremos a parte inferior da botella, que imos decorar con témperas. Para que teña peso e non nos caia enchémola con sal tinguido de cores. Para tinguir o sal basta con frotalo con xiz de cores. E velaí tedes os vosos candeeiros, metédelles dentro as candeas que máis vos gusten e, RECORDADE, só as poden acender os maiores.

Justificar a ambos lados

Esta manualidade non nos levou moito tempo e despois de deixar todo recollido, gozamos dun tempo para pintar, compartir ideas e xogar coa plastilina entre todos. Mirade que ben o pasamos!

martes, 23 de marzo de 2010

RAPOSOS

Aproveitando o proxecto sobre raposos que fixemos en infantil, no taller de reciclaxe realizamos os nosos propios raposos. Foi moi sinxelo e nin sequera usamos pegamento, pois unimos as pezas atravesándoas cun anaco de madeira.

Se o queres facer, xa sabes: colle un rolo de papel hixiénico e píntao, debuxa un raposo do tamaño do rolo, recórtao e une as pezas. Xa podes comezar a xogar!!!




lunes, 22 de marzo de 2010

DÍA MUNDIAL DA AUGA

Hoxe 22 de Marzo celébrase o Día Mundial da Auga.
A ONU-Auga pretende adicar este día ó tema da calidade da auga, co lema,"Auga limpa para un mundo san", co que pretenden:
  • Fomentar a concienciación en canto á conservación de ecosistemas sans e do benestar humano abordando os crecentes desafíos en relación coa calidade da auga que se plantexa á xestión deste recurso.
  • Dar un maior realce ó tema da calidade da auga facendo unha chamada de atención a gobernos, organizacións, comunidades e persoas en todo o mundo a que adopten medidas en relación con este tema e realicen actividades de prevención da contaminación, limpeza e rehabilitación, entre outras.


Despois de ver este video e de reflexionar un pouquiño, quen queira comezar a tomar medidas XA para axudar ao aforro de auga, deixámosvos unha ligazón que vos servirá de axuda(só tedes que facer clic na imaxe de abaixo).


21 DE MARZO: DÍA FORESTAL MUNDIAL

En 1971 os estados membros da Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO) aceptaron a celebración do DÍA FORESTAL MUNDIAL o día 21 de marzo, primeiro día de outono no hemisferio sur e primeiro día de primavera no hemisferio norte, para poder imprimirlle un carácter simultáneo en todo o mundo.
FORESTAL refírese ao aproveitamento, xestión e uso dos bosques. Os bosques conteñen arredor do 70 % da biodiversidade da Terra ademais de encher aos pobos do mundo de bens e servizos esenciais, sociais, económicos e ambientais, e contribúen á seguridade alimentaria, auga e aire limpos e protección do chan.

A metade dos bosques mundiais desapareceron, e as áreas forestais con maior biodiversidade están en perigo. A xestión sustentable dos bosques debe pasar das palabras á práctica.
Nesta data lémbrase a necesidade de manter e incrementar as superficies arbóreas e de protexer e conservar a natureza.

viernes, 19 de marzo de 2010

ESTREAMOS BLOG DE VOZ NATURA!

Siiii!! Xa temos un novo blog no Ceip Sobrada!! O BLOG DE VOZ NATURA, co que esperamos que disfrutedes ollando todas as actividades que se levan a cabo no cole relacionadas co coidado da natureza e a educación medioambiental.
Aquí vos deixamos unha pequena mostra do moito que está traballando o noso alumnado na plantación, pero hai moito máis que non vos podedes perder!

Pinchade no enlace que tedes debaixo do Axexo ou tamén podedes visitar o blog na seguinte dirección:

domingo, 14 de marzo de 2010

LEMBRANDO A FÉLIX RDGUEZ. DE LA FUENTE...

Hoxe conmemórase o trinta aniversario do falecemento de Félix Rodríguez de la Fuente, un famoso divulgador ambientalista español, pioneiro no país na defensa da natureza, e realizador de documentais para radio e televisión, destacando entre eles a exitosa e influente serie "O Home e a Terra."
Rodríguez de la Fuente exerceu ademais como expedicionario, guía de safaris fotográficos en África, conferenciante e escritor, ademais de contribuír en gran medida á concienciación ecolóxica de España nunha época na que o país aínda non contaba cun movemento de defensa da natureza.
Trinta anos despois da súa morte, o home que mostrou ós españois de entón cómo vivía o lobo e o lince ibérico, cómo as nutrias desaparecían dos nosos ríos ou cómo a águia imperial atrapaba as súas presas, segue sendo un referente mundial da protección do medioambiente.

viernes, 12 de marzo de 2010

SAÍMOS NO XORNAL!!!

Aquí tedes o artigo no que sae o noso colexio na Voz de Galicia do día de hoxe, dentro do proxecto Voz Natura, co que lle estamos dando un novo aspecto ó cole plantando distintas especies de árbores e plantas.
Moi en breve poderedes visitar o noso blog de Voz Natura, no que se poderán ver as distintas actividades do centro relacionadas con esta plantación e co medio ambiente.

lunes, 8 de marzo de 2010

8 DE MARZO: DÍA INTERNACIONAL DA MULLER


No ano 1919, a Conferencia Internacional de Mulleres Socialistas, reunida en Copenhague, proclamou o Día Internacional da Muller Traballadora, á proposta da dirixente comunista alemana Clara Zetkin, como unha xornada de loita polos dereitos das mulleres. A proposta foi aprobada unanimemente pola conferencia de máis de 100 mulleres procedentes de 17 países.
Dende 1975, Ano Internacional da Muller, o DÍA INTERNACIONAL DA MULLER celébrase o 8 de marzo "para conmemorar a loita histórica por mellorar a vida da muller". Celébrase en todo o mundo a nivel local e nacional.
Esta data lémbranos as inxustizas cometidas contra as mulleres dende tempos inmemoriais e a súa loita por seren consideradas persoas con iguais dereitos e pola súa participación, en igualdade co home, na sociedade e no seu desenvolvemento íntegro como persoa.



viernes, 5 de marzo de 2010

OS DETECTIVES DO MEDIO AMBIENTE

A CONFECCIÓN DO DISFRAZ

AS ÁRBORES POSANDO

AS ÁRBORES BAILANDO

5 DE MARZO: DÍA MUNDIAL DA EFICIENCIA ENERXÉTICA

O 5 de marzo é a data seleccionada pola comunidade internacional para conmemorar o Día da Eficiencia Enerxética. No actual escenario do cambio climático, esta efeméride cobra especial importancia, pois se refire á obtención dos mesmos bens e servizos enerxéticos, pero con menos recursos, menos contaminación, a un prezo inferior ao actual, xeradores de emprego e socialmente útiles.
A eficiencia enerxética exponse como unha das políticas de freo para o cambio climático e a consecución de cidades sustentables.
O obxectivo que se persegue con esta actuación é concienciar á cidadanía sobre a necesidade de promover un consumo eficiente e responsable da enerxía, para conseguir un modelo de desenvolvemento sustentable. Trátase de incidir sobre todo no aforro e na eficiencia desde idades temperás para axudar así a mudar os hábitos de comportamento, promovendo un consumo máis racional da enerxía. Precisamente o título da campaña: "Aseguremos o futuro. Utilicemos a enerxía de forma eficiente", fai referencia ao futuro e pon aos nenos como principais artífices do cambio e, por tanto, dun uso eficiente da enerxía.
POLO AFORRO E A EFICIENCIA ENERXÉTICA

QUE É A EFICIENCIA ENERXÉTICA?


Máis información:
Instituto Enerxético de Galicia (INEGA)

martes, 2 de marzo de 2010

TINXINDO OS DISFRACES...


O alumnado de infantil, coma o dos demáis ciclos, participou na confección de cadanseu disfraz para lucilo no día do festival. A súa aportación foi tinxir os pétalos do tulipán así coma cortar e tinxir as follas que levaban no corpo. Este video reflexa o seu traballo.