martes, 26 de enero de 2010

30 DE XANEIRO: DÍA DA PAZ

Esta semana celebramos o Día Escolar da non violencia e a PAZ.
QUE É A PAZ?
Etimoloxicamente provén do latín "Pax, pacis"
A paz pódese definir como: Situación e relación mutua de quen non está en guerra; Pública tranquilidade e quietude dos Estados, en contraposición á guerra ou á turbulencia; Tratado ou convenio que se concorda entre os gobernantes para pór fin a unha guerra; Acougo e boa correspondencia dunhas persoas con outras, especialmente nas familias, en contraposición ás disensións, rifas e preitos...


A paz é unha forma de interpretar as relacións sociais e unha forma de resolver os conflitos que a mesma diversidade que se presenta na sociedade fan inevitables. E cando falamos de conflitos, non nos referimos tan só ao conflito bélico senón tamén á contraposición de intereses entre persoas ou grupos ou as diferentes formas de entender o mundo.

O día 30 de Xaneiro conmemoramos a morte do líder nacional e espiritual da India, Mahatma Gandhi, unha das personalidades máis importantes e transcendentes do século XX, que permanece na memoria colectiva da Humanidade como símbolo da acción política e reivindicativa fundamentada no espiritualismo e na resistencia pacífica.


Por iso celébrase o Día Escolar da Non-violencia e a Paz o 30 de xaneiro, unha xornada educativa de pacificación, co fin de levar aos alumnos polo medio da reflexión persoal ao descubrimento da mensaxe fundamental de que "o amor é mellor que o odio, a non-violencia mellor que a violencia e a paz mellor que a guerra".
Trátase de concienciar ao alumnado na construción dun mundo mellor, máis xusto e máis humano, que permita que todos os individuos teñan a mesma oportunidade de desenvolver plenamente as súas facultades no seo dunha sociedade democrática, libre, xusta, responsable e en paz.

O MUNDO É GRANDE!


No hay comentarios:

Publicar un comentario