lunes, 8 de noviembre de 2010

8 DE NOVEMBRO: DÍA MUNDIAL DO URBANISMO

Desde o 8 de novembro de 1949, grazas á iniciativa do enxeñeiro arxentino Carlos María Della Paolera e a pedido do Instituto Superior de Urbanismo da Cidade de Buenos Aires, celébrase o Día Mundial do Urbanismo, co propósito de fortalecer a conciencia acerca do importante que é vivir en ambientes sans e agradables, con abundancia de espazos verdes.

Durante o século XX consolidouse a urbanización de miles e miles de cidades en todo o mundo, como consecuencia directa e inevitable do crecemento da poboación. Así mesmo, a concentración en grandes urbes provén tamén da procura dunha mellor calidade de vida, sustentada nas comodidades que promove a economía moderna.
Con todo, en moitos casos, a iniciativa urbanizadora foi perdendo precisamente o que parecía ser un dos grandes beneficios para as cidades: mellorar a calidade de vida dos seus habitantes. E neste caso a culpa é compartida: a creación de ambientes saudables e a convivencia dentro deles non é responsabilidade exclusiva dos planificadores ou mandatarios de quenda, senón sobre todo de cada un de quen alí viven, que deben procurar manter as súas cidades limpas, ordenadas, saudables, organizadas e ben coidadas, por respecto a si mesmos e tamén ao próximo.

Só nese contexto, esta conmemoración poderá servir para motivar accións necesarias para mellorar as urbanizacións, como o aumento de espazos verdes e zonas recreativas, o desconxestionamento de zonas superpobladas, a concreción de obras de desenvolvemento e todas as medidas que contribúan a diminuír a contaminación do aire e da auga.

Doutro xeito, sen un compromiso de cada un por coidar e mellorar o lugar no que vive, nin os máis acertados plans de urbanización terán sentido.


No hay comentarios:

Publicar un comentario