martes, 5 de octubre de 2010

5 DE OUTUBRO: DÍA DOS DOCENTES

No ano 1994, a UNESCO instaurou o 5 de outubro como o DÍA MUNDIAL DO DOCENTE. Segundo a UNESCO, o Día Mundial dos Docentes representa un signo significativo da concienciación, a comprensión e o aprecio despregados ante a contribución vital dos profesores en aras da educación e do desenvolvemento. A Internacional da Educación pensa firmemente que este Día dos Docentes debería ser internacionalmente recoñecido e celebrado en todo o mundo.
Pero temos que ter en conta diferentes datos que nos terían que facer reflexionar sobre a situación dos docentes no mundo.
En celebracións como as de hoxe, non nos podemos restrinxir ao localismo que, normalmente asumimos como realidade absoluta.
Os datos a analizar e sobre os que reflexionar son os seguintes:

* 99 países necesitan 1,9 millóns de mestres máis nas aulas para o ano 2015 para ofrecer educación primaria de calidade para todos.
* A metade dos mestres necesítanse no África subsahariana.
* No continente africano necesítase contratar 306 mil profesores ao ano para universalizar a educación primaria (cousa que na nosa contorna parece que sexa normal) e, para compensar o desgaste polo cal os docentes se xubilan ou abandonan (é moi duro exercer a docencia en determinados países), etc.



Habemos de mirar ao exterior, pero sen esquecer o que está a suceder nas aulas do noso país e, nos problemas educativos que nos estamos atopando. A celebración do día, como recoñecemento e para mirar as dificultades da nosa función, pode ser máis ou menos discutible, pero cada día do ano tería que ser o Día da Educación, e sentirnos orgullosos da nosa Educación (como docentes, alumnos, pais e, calquera outro elemento humano que forme parte do sistema educativo).

Os docentes adiantámonos ao noso tempo e reciclámonos cada ano. Os métodos antigos están en desuso e a inclusión das Novas Tecnoloxías na educación require de nós un esforzo para mudar a nosa metodoloxía e mellorar.

No hay comentarios:

Publicar un comentario