martes, 2 de febrero de 2010

2 DE FEBREIRO: DÍA MUNDIAL DOS HUMIDAIS

Os humidais son: "Extensións de marismas e pantanos, ou superficies cubertas de auga, sexan estas de réxime natural ou artificial, permanentes ou temporais, estancadas ou correntes, doces ou salgadas, incluídas as extensións de auga mariña cuxa profundidade en marea baixa non exceda de seis metros".
Hoxe, 2 de Febreiro, conmemórase o DÍA MUNDIAL DOS HUMIDAIS, data na que se asinou en 1971 o Convenio sobre os Humidais, a beiras do Mar Caspio, na cidade iraniana de Ramsar.
Un dos principais logros deste Convenio, tamén chamado Ramsar, foi a creación da lista de humidais de importancia internacional. Dita lista está composta por 1886 humidais de 159 países.
O Estado español adheriuse ao Convenio en 1982, e até a actualidade (xaneiro 2010) incorporou á Lista de Humidais de Importancia Internacional 63 zonas húmidas cunha superficie de 281.768 hectáreas entre as que destacan parques nacionais como Doñana e Táboas de Daimiel e lagoas como Villafáfila, e Gallocanta.

A IMPORTANCIA DOS HUMIDAIS

O lema elixido pola Convención de Ramsar sobre os Humidais para 2010 é: "Coidar os humidais, unha resposta ao cambio climático". Os estudos existentes demostran que o cambio climático provocará que algúns ecosistemas acuáticos continentais pasen de ser permanentes a estacionais, mentres que outros directamente desaparecerán. O cambio climático provocará nalgúns humidais importantes reducións da biodiversidade asociada a estes excepcionais espazos naturais.
Os humidais son valorados como fontes de auga, recarga de acuíferos, criadeiros naturais de peixes e reservas únicas de diversidade biolóxica e cultural, entre outras irremplazables funcións; agora precisan ser recoñecidos como aliados indispensables na mitigación dos impactos negativos do cambio climático sobre os ecosistemas naturais, as concas hídricas e os asentamentos humanos en todo o planeta.

Máis información: RAMSAR

No hay comentarios:

Publicar un comentario