martes, 1 de octubre de 2019

AS PEGADAS DO PASADO

Co fin de adaptarnos aos cambios que o alumnado, as familias e a sociedade veñen experimentando nos últimos anos e sendo conscientes de que precisamos reaxustar e mudar algunhas metodoloxías para cubrir as necesidades académicas, emocionais e cognitivas da nosa poboación escolar, no último trimestre do curso 2018/2019 comezamos a fraguar un pequeno cambio de rumbo conscientes de que, despois de bastantes anos cunha traxectoria metodolóxica artellada a través dos “TEMAS TRANSVERSAIS” precisábamos, como mínimo e para comezar, un cambio progresivo concretando outras temáticas que cubriran os centros de interese dos nenos e nenas para que a súa aprendizaxe resultara máis significativa.

Para coñecer de primeira man os centros de interese do noso alumnado, organizamos unha enquisa. O tema que quedou para a elaboración dun PDI (proxecto documental integrado) e como eixe vertebrador da práctica educativa foi o da “ARQUEOLOXÍA”. Así que, este ano académico adicarémolo a traballar os distintos contidos arredor do tema “AS PEGADAS DO PASADO”.
TRATAMOS DE REIVINDICAR O PAPEL DA ARQUEOLOXÍA E DA HISTORIA COMO DISCIPLINAS CIENTÍFICAS.

A importancia e significación deste PDI, queda xustificada polo lugar estratéxico no que está situado o noso centro de ensino, debido á riqueza patrimonial do Concello e da comarca de “O Baixo Miño”. O noso alumnado será o que no futuro conserve o que chegou ata nós e descubra a importancia de novos achádegos.

Aínda que os obxectivos son moitos máis, achegámosvos algúns dos máis significativos en relación á temática:

* Transmitir a importancia do método científico e do pensamento crítico para o coñecemento da nosa sociedade multicultural actual, contribuíndo á formación dunha sociedade máis libre que, dende o coñecemento do pasado, afronte o seu presente e teña a capacidade de construir o seu futuro.

* Concienciar sobre a importancia e a defensa do patrimonio histórico e arqueolóxico dende unha perspectiva global, que integre tanto os monumentos coma os elementos menos visibles do patrimonio no seu contexto xeo-histórico.

* Proporcionar ferramentas para que o alumnado poida entender a contorna que lles rodea e con isto fomentar actitudes críticas que contribúan a formar cidadáns pensantes (“Alfabetización científica en la escuela: mejorando estrategias y construyendo nuevas prácticas para la enseñanza de la ciencia en las primeras etapas de la educación”/CSIC en la escuela/MªJosé Gómez Díaz).

* Fomentar unha actitude crítica frente a temas relacionados coa identidade, o territorio e o patrimonio.

Ide achegándovos polo colexio para comprobar os nosos novos coñecementos e avances. De momento, aquí tedes unha mostra da ambientación, á que sumaremos a creatividade e experiencias do noso alumnado. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario