miércoles, 23 de octubre de 2019

EXCURSIÓN DE 3º e 4º de E.P a A GUARDA. A nosa primeira saída do curso!

Aproveitando que hoxe non chovía achegámonos pola mañá ata o concello de A Guarda, co fin de ter unha experiencia máis cercana co que estamos a aprender neste momento: A Prehistoria.

Visitamos o MASAT (Museo Arqueolóxico de Santa Trega) e a CITANIA, para coñecer máis aspectos da vida nos castros.

Antes desta actividade, acudimos a uns talleres. Os de 3º a un de olería, no que puidemos realizar unha pequena peza de barro seguindo o xeito de como o facían na antigüidade.
Os de 4º, puidemos aprender como tallaban os bifaces. Observamos como eran moitos dos útiles que empregaban na Prehistoria e puidemos comprobar por nós mesmos como con "sílex" e unha peza de ferro...Saltan chispas!
O monitor, Manolo Ledo, tivo moita paciencia con nós. Case todos fumos intentando sacarlle "lascas" a un seixo. Trouxemos para o cole unha peza biface. Nestes días faremos algún traballiño que temos pensado amosarvos. Ata a próxima!

A continuación podedes ver cómo se construía un utensilio para cortar a carne, a pel...segundo o uso que se lle quería dar tiña unha forma,  vedes que  non é nada doado!!

COMO SE FAI UN BIFACE


jueves, 17 de octubre de 2019

QUE SEI SOBRE A ARQUEOLOXÍA?

Durante o mes de setembro, en 4º de E.P realizamos un traballiño para poñer en común o que nós sabíamos sobre a arqueoloxía.
Escribimos sobre este tema e despois plasmamos as nosas ideas en murais feitos por equipos.
A actividade está baseada no "TEST DART", que é un xeito de coñecer as ideas que temos e tratar de comentar algunhas cuestións que pensamos sobre a arqueoloxía. É o noso punto de partida.
A estas alturas do curso xa sabemos moitas máis cousas, pero é curioso observar o que coñecíamos ao principio.

Tiñamos claro que estaba relacionado con "cousas de fai moitos anos", pero tamén aparecían polo medio os dinosaurios. Despois enterámonos que o ser humano e estes animais nunca conviviron.
Tamén había quen confundía arqueoloxía e ecoloxía, agora xa comprendemos as diferenzas.
Tiñamos claro que ser arqueólogo ou arqueóloga supón un traballo de excavación en moitos momentos.
Tras todas estas conclusións, comezamos a pensar no que queríamos aprender. Aquí tedes algunhas das nosas inquedanzas:
Bueno, hai moitísimas máis preguntas. Queda todo o curso! Isto é o principio!

CAL FOI O PRIMEIRO ORGANISMO VIVO?

Antes de comezar os nosos traballos de investigación, partimos do que sabemos sobre a temática que nos ocupa: QUE SEI? Esta é a base de todo proxecto e de toda a aprendizaxe para que sexa significativa.

Os nenos e nenas saben moitas cousas, o foron amosando na clase de distintos xeitos.

En 3º de E.P comezaron formulándose unha serie de cuestións e chegaron a unha interesantísima conclusión. Mirade, mirade...!

 Despois esta conclusión a representaron de xeito plástico:

 Xa vos iremos contando todo o que van descubrindo e aprendendo.

martes, 1 de octubre de 2019

AS PEGADAS DO PASADO

Co fin de adaptarnos aos cambios que o alumnado, as familias e a sociedade veñen experimentando nos últimos anos e sendo conscientes de que precisamos reaxustar e mudar algunhas metodoloxías para cubrir as necesidades académicas, emocionais e cognitivas da nosa poboación escolar, no último trimestre do curso 2018/2019 comezamos a fraguar un pequeno cambio de rumbo conscientes de que, despois de bastantes anos cunha traxectoria metodolóxica artellada a través dos “TEMAS TRANSVERSAIS” precisábamos, como mínimo e para comezar, un cambio progresivo concretando outras temáticas que cubriran os centros de interese dos nenos e nenas para que a súa aprendizaxe resultara máis significativa.

Para coñecer de primeira man os centros de interese do noso alumnado, organizamos unha enquisa. O tema que quedou para a elaboración dun PDI (proxecto documental integrado) e como eixe vertebrador da práctica educativa foi o da “ARQUEOLOXÍA”. Así que, este ano académico adicarémolo a traballar os distintos contidos arredor do tema “AS PEGADAS DO PASADO”.
TRATAMOS DE REIVINDICAR O PAPEL DA ARQUEOLOXÍA E DA HISTORIA COMO DISCIPLINAS CIENTÍFICAS.

A importancia e significación deste PDI, queda xustificada polo lugar estratéxico no que está situado o noso centro de ensino, debido á riqueza patrimonial do Concello e da comarca de “O Baixo Miño”. O noso alumnado será o que no futuro conserve o que chegou ata nós e descubra a importancia de novos achádegos.

Aínda que os obxectivos son moitos máis, achegámosvos algúns dos máis significativos en relación á temática:

* Transmitir a importancia do método científico e do pensamento crítico para o coñecemento da nosa sociedade multicultural actual, contribuíndo á formación dunha sociedade máis libre que, dende o coñecemento do pasado, afronte o seu presente e teña a capacidade de construir o seu futuro.

* Concienciar sobre a importancia e a defensa do patrimonio histórico e arqueolóxico dende unha perspectiva global, que integre tanto os monumentos coma os elementos menos visibles do patrimonio no seu contexto xeo-histórico.

* Proporcionar ferramentas para que o alumnado poida entender a contorna que lles rodea e con isto fomentar actitudes críticas que contribúan a formar cidadáns pensantes (“Alfabetización científica en la escuela: mejorando estrategias y construyendo nuevas prácticas para la enseñanza de la ciencia en las primeras etapas de la educación”/CSIC en la escuela/MªJosé Gómez Díaz).

* Fomentar unha actitude crítica frente a temas relacionados coa identidade, o territorio e o patrimonio.

Ide achegándovos polo colexio para comprobar os nosos novos coñecementos e avances. De momento, aquí tedes unha mostra da ambientación, á que sumaremos a creatividade e experiencias do noso alumnado. 

BOLETÍN INFORMATIVO ÁS FAMILIAS





CALENDARIO ESCOLAR 2019/20

FESTIVO LOCAL: 16 DE SETEMBRO
Queda pendente a elección dun día non lectivo.

VIDEO DO CURSO 2018/19