miércoles, 4 de mayo de 2011

LOIS PEREIRO: AUTOR HOMENAXEADO NO DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2011

Luis Ángel Sánchez Pereiro, máis coñecido como Lois Pereiro, nado en Monforte de Lemos o 16 de febreiro de 1958 e finado na Coruña o 24 de maio de 1996, foi un escritor e poeta galego. De familia procedente do Incio, estudou no colexio dos Escolapios e comezou a escribir con 15 anos. Tras rematar o COU marchou a Madrid, onde comezou Ciencias Políticas e Socioloxía. Logo dunha estancia en Monforte traballando na empresa familiar, adicada ao vidro, regresa a Madrid para estudar lingua inglesa, francesa e alemá. Alí fundou a revista Loia xunto a Antón Patiño, Manuel Rivas e o seu irmán Xosé Manuel Pereiro.


Cara a 1981 marcha a vivir á Coruña, onde se une á revista La Naval. Xa de volta en Galicia, entrou en contacto cun grupo de poetas entre os que figuraban Xavier Seoane, Francisco Salinas Portugal ou Xulio Valcárcel, participando en varias antoloxías coma De amor e desamor (1984) e De amor e desamor II (1985), e colaborando no mantemento da revista Luzes de Galiza, onde se publicarían en 1997 os oito primeiros capítulos da novela Náufragos do Paraíso. En 1983 e 1987 viaxou por Europa e traballou como tradutor do alemán, francés e inglés de dobraxe de cinema.

Publicou dous poemarios en vida, Poemas 1981/1991 (1992) e Poesía última de amor e enfermidade (1995). No 1996, ano da súa morte, saíu á luz Poemas para unha Loia, que recolle obras da época madrileña, publicadas na revista Loia. Nos últimos anos, víñase reivindicando a dedicación do día das Letras Galegas a este poeta monfortino. No marco desa campaña sitúase unha reedición da súa obra poética verquida ó castelán, catalán e vasco, xunto cos textos orixinais en galego.

No hay comentarios:

Publicar un comentario